Día das Letras Galegas 2021

«A xente colleu o costume de mercar un libro o Día das Letras». A pandemia non frea a difusión da obra de Xela

A autora ten máis tirón que os homenaxeados de anos anteriores, afirman profesores e libreiros

As homenaxes son cada vez máis multiplataforma: vídeos, webseries, fotografía, videomapping para recordar unha autora que dialogaba con todas as artes

Retrato de Xela Arias Obra do pintor Dende

Aldara Diéguez

O 17 de maio de 2021 será recordado como o día de Xela Arias, a poetisa das novas xeracións e da ruptura co academicismo. Ao longo do día celebraranse multitude de actos que recordarán a súa memoria e traerán á vida os mellores recordos da artista.

Destaca, entre as homenaxes a Xela, a cantidade de exposicións fotográficas e musicais que se realizarán. Xela escribía, pero sempre en constate diálogo con outras artes -plásticas, musicais, ata audiovisuais-. A elección de Xela como homenaxeada no Día das Letras é «unha reflexión xeracional», segundo o presidente da Real Academia Galega (RAG), e como tal, simboliza o paso cara unha xeración máis moderna, novidosa e transversal.

O acto principal celebrarse en Vigo, como non podía ser doutra forma, xa que foi o «Vigo da Movida, do rock and roll» , segundo Víctor Freixanes, o que moldeou a vida da poeta. Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas porán voz á homenaxe, mentras que Mónica de Nut, Pablo Carrera e Fernando Abreu farán o propio coa música, amosando «Vencerse é cousa de se tratar », obra que quedou inconclusa co falecemento da autora. Serán os versos musicados de «Intempériome» o que dea sentido a esta actuación, mistura de poesía, música e cinema en directo. Comezará ás 13h, e poderase ver en directo dende a páxina web da RAG.

Xela dende o audiovisual

‘ Xela Arias. A palabra esgazada ’ , producida pola RAG e realizada por Miramemira, é unha webserie de 6 capítulos que se focaliza na pegada de Xela nas novas xeracións , coa que a Academia rende tributo e da a coñecer o impacto da autora. A obra pode verse no Youtube da Academia, xunto coas micropezas Xela Arias. Onde canta a poeta , na que varios artistas galegos recitan e interpretan as súas poesías.

A noite do 16 de maio aunou poesía e música no xa tradicional Concerto das Letras Galegas , realizado en Vigo e que contou coas actuacións de LauraLaMontagne e PicoAmperio. O espectáculo esgotara entrada s hai xa unha semana, pero hoxe poderase ver en diferido , na Segunda Canle da Televisión de Galicia.

A Cidade da Cultura acolle unha actividade de lectura participativa , coa que se realizará unha peza audiovisual para visibilizar nas redes sociais. Tamén destaca a elaboración e difusión dunha trintena de pílulas audiovisuais con testemuños de familiares, amigos e persoeiros da cultura galega recitando o seu poemario, ou un novidoso proxecto de videomapping que proxectará versos e imaxes da autora en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia.

Sen dúbida, a cidadanía galega sabe como aproveitar as oportunidades que a tecnoloxía brinda para rendir homenaxe a Xela. O concello da Coruña, por exemplo, lanzou unha iniciativa en redes de creación colaborativa, as chamadas 'bombas de acción poética ', e atreveuse ata cunha s cape room virtual .

A Concelleira de Cultura e Director da Biblioteca de Tui inaugurando as actividades das Letras Galegas Concello de Tui

Xela dende a poesía

Os versos de Xela expostos nunha librería en Ames Concello de Ames

Librerías de toda Galicia organizarán actos, firmas de libros, e o tradicional desconto do 10% , pasando incluso por pequenas actuacións, como ocorrerá ao longo do día no paseo da Corredoira, en Tui. En Narón, a librería Day organizará tamén unha firma de libros dos autores da zona, porque segundo nos conta Isabel Prieto, rexente do establecemento, despois das escolas as librerías son as que máis responsabilidade teñen coa difusión da literatura galega. Un eido que está crecendo, porque « fai 30 anos, cando abrimos, mercábase pouco, pero agora cada vez a xente le máis en galego », e «durante todo o ano». A figura de Xela Arias ten máis tirón que a de outros homenaxeados, afirma, en parte pola «diversidade: libros para pequerrechos, para maiores, algúns sinxelos, outros máis complexos…». Ademáis, Prieto asegura que moita xente acode a mercar un libro en galego o Día das Letras, aínda que non sexa da propia homenaxeada. «A xente comeza a ter o costume».

Tamén abundan os certames de poesía en honra á poeta. O Concello de Sada, por exemplo, organiza un certame, ‘(Re)inventando Xela Arias’, no que se pode participar ata o 31 de maio sen limitación de idade.

Xela dende os centros de ensino

Recitais, exposicións, tarefas, homenaxes, vídeos, podcast… os centros están a realizar durante o mes de maio unha gran actividade para dar a coñecer o legado de Arias. Dende o IES A Sangriña, a actividade estrela é adicarlle un programa de radio, segundo nos conta Pilar Carro, exdirectora. «Gran parte do alumnado con gusto pola poesía coñece a Xela de arriba abaixo. Ten unha poesía moi potente que á xente nova lle chega moi ben porque transmite cousas que todos sentimos nalgún momento, especialmente cando andas medio perdido na adolescencia ».

Para Eumelia Rei, profesora no IES Pobra do Caramiñal, para os máis pequenos Xela Arias «non é moi accesible», polo que «o máis importante é ler con eles os poemas, e preguntarlles que sinten ao facelo». Segundo Rei, o intimismo de Darío a Diario é o que máis gusta ao alumnado , ao igual que a faceta máis activista da autora. «É o que máis se achega a eles hoxe en día. Síntense identificados», asegura. «Ao principio quédanse co externo, cas imaxes… pero logo, quédanse coa idea de figura loitadora, co de que deixara de estudar con 18 anos, e que logo volvera estudar, esa rebeldía, esa vida…».

Anxo Xoán Rajó, profesor no IES República Oriental do Uruguay, de Vigo, concorda: «É unha poesía difícil de comprender, que pode enganchar polo feminismo. Dende logo, é a que mellor imaxe ten dos últimos anos».

O propio Rajó conta cun ensaio da vida e obra de Xela, 'Xela Arias, poeta e tradutora' e realizará unha serie de conferencias. As institucións de ensino fomentan cada vez máis a difusión mediante o ensaio, algo que vén de facer a USC, por exemplo, cun volume conmemorativo que aúna estudos sobre a autora.

'Xela Arias, a liteartura e a vida, por elección' é o volume conmemorativo da USC Santi Alvite

Xela dende a fotografía

A Xela que vemos e recordamos é a Xela cómplice e segura de si mesma que nos mira dende o obxectivo de Xulio Gil. O fotógrafo e exmarido da autora realizou unha serie de retratos que acompañan á obra da autora, tanto de xeito directo en 'Tigres coma cabalos' , coma de xeito indirecto, na multitude de exposicións que percorren Galicia.

Ata o 31 de maio, a bilbioteca Anxel Casal de Santiago de Compostela contará coa exposición ‘Xela Arias. Asinamos ser libres’. A exposición é autobiográfica e conta coas imaxes de Gil. Poderase ver en 11 concellos.

Inauguración da exposición na bilbioteca Anxel Casal, con Román Rodíguez e Xulio Gil Xoán Crespo

Tamén se promoverá, da man do seu fillo Darío Gil , outra mostra fotográfica en Vigo (Museo do Mar) e Santiago, que amosará as 48 imaxes de ‘Tigres coma cabalos' e irá acompañada dunha reedición do poemario en formato catálogo expositivo. Na mesma liña, a exposición 'Xela Arias. A poesía do retrato' , estará en Sarria ata o 20 de maio e logo viaxará ata setembro polas principais vilas lucenses. Ata finais de maio, máis de 42 concellos terán albergado a exposición 'Aquela nena de Sarria' , que reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, e que actualmente se atopa no IES Rosalía de Castro, en Santiago.

Exposición do Colectivo Egeria, 'Aquela nena de Sarria' Colectivo Egeria

Estas imaxes poderán verse tamén de xeito virtual , da man do Portal da Lingua Galega, na exposición ‘Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor’.

A difusión da obra de Xela, en definitiva, é ampla e bebe de moitas disciplinas artísticas, como ela fixo ao longo da vida. O seu legado espállase por Galicia 18 anos despois do seu falecemento. Xela, en 2021, segue a vivir , nos museos, na web, nos centros de ensino e en cada unha das páxinas das súas obras.

Comentarios
0
Comparte esta noticia por correo electrónico

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Reporta un error en esta noticia

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Muchas gracias por tu participación