Filgueira Valverde, protagonista do Día das Letras Galegas, traballando no seu despacho
Filgueira Valverde, protagonista do Día das Letras Galegas, traballando no seu despacho - Fundación Filgueira valverde
dÍa das letras galegas

O día do vello profesor

Galicia celebra o día das súas letras rememorando a figura de Filgueira Valverde, un estudioso que puxo en valor a lingua galega e ao que a súa erudición mantén no recordo

Actualizado: Guardar
Enviar noticia por correo electrónico

De Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) dise que contribuíu á comprensión do que foi, do que é, e do que pode ser Galicia. Nado en Pontevedra co arranque do século, a querencia de Filgueira Valverde polas letras espertou sendo el moi novo. Con tan só 13 anos, o escritor que este ano protagoniza o Día das Letras Galegas xa participaba en xuntanzas dirixidas por homes coma Castelao ou Pérez Constanti. Neses anos xermolou nel o interese pola lingua e a literatura en todos os seus eidos, o que lle abriu as portas da Real Academia Galega antes de cumprir os vinte anos.

O nome de Filgueira Valverde quedou vencellado historicamente á fundación e presidencia de institucións clave como o Seminario de Estudos Galegos, o Museo de Pontevedra, o Instituto Padre Sarmiento e o Consello da Cultura Galega.

Porén, é imposible achegarse á figura deste estudoso sen falar da súa faceta pedagóxica. Tanto é así que a fascinación que Filgueira sentía pola ensinanza e a educación —no 1935 aproba a Cátedra de Instituto de Lingua e Literatura Española— outorgáronlle o sobrenome do «vello profesor». Entre as anécdotas coas que os seus alumnos o lembran quedan algunhas como a capacidade coa que o Filgueira profesor memorizaba os nomes dos estudantes nos primeiros días de curso para recoñecelos de costas ou a rapidez coa que podía ler e analizar calquera texto, cun mecanismo «sesgado» que aprendeu de moi neno.

Xosé Filgueira Valverde estaba dotado dunha personalidade polifacética que lle servíu para tocar distintos paus da esfera lingüística, literaria e histórica. Tamén era, segundo os que o coñeceron, un home despistado, carismático, sereno e culto. Durante a súa traxectoria, Filgueira chegou a ser alcalde de Pontevedra, unha cidade á que sempre estivo moi vencellado, e conselleiro de Cultura da Xunta, xa na súa última época.

No terreo literario, a pegada de Filgueira mantense nos estudos sobre literatura medieval en lingua galega, cancioneiros musicados, guías, e historias. De aí a publicación de dous volumes de ensaios, «Adral» (1970) e «Segundo Adral» (1981), dúas compilacións de artigos publicados entre o 1976 e o 1981 nos que o literato aborda a riqueza da cultura galega dende distintos prismas dando mostra da súa erudición e do seu compromiso con Galicia. A nivel literario, a contribución de Filgueira é reducida, sobresaíndo as narracións breves de «Os nenos» (1925) e «Quintana viva» (1971), ilustrado por Castelao.

Mestre dentro e fóra

Ensinante dentro e fóra das aulas, Filgueira Valverde foi estudoso, literato, director museístico e tamén xornalista, polo uso que fixo dos medios de comunicación para expoñer as súas ideas e facelas chegar ao gran público. Coa celebración do Día das Letras Galegas, a obra de Filgueira reencóntrase coas xentes galegas.

Ver los comentarios