Ramón Villares

Un poeta enteiro

Poeta e conversador incansable, estivo marcado pola melancolía, tenrura e señardade, amor á natureza e fino intimismo, pero foi tamén persoa con explícito compromiso ético e poético

Ramón Villares
Actualizado: Guardar
Enviar noticia por correo electrónico

Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) naceu e morreu como poeta. A súa escrita, enraizada na seiva popular, de afinación culta e vangardista, callou desde moi novo na sociedade e esa empatía coas xentes do país foi para el un sinal de identidade.

Nacido no seo dunha familia de labregos que se valía ben, medrou marcado por un mestre que o iniciou na literatura galega, pola crise provocada pola morte de familiares moi queridos e, sobre todo, polo maxisterio de seu tío paterno, párroco de San Froilán e profesor de Filosofía na cidade de Lugo. Todas esas influencias están na súa prolífica traxectoria, que agromou moi temperá no poemario Muiñeiro de brétemas. Foi o seu primeiro libro, que saíu co aval do prologuista Angel Johán, que serviu de vencello entre a literatura galega de anteguerra e de posguerra, e supuxo tamén a aparición da chamada Escola da Tebra.

A el seguirían outros poemarios como Advento, imprentado en Bos Aires, ou Terra Chá, sucesivamente ampliado en diversas edicións.

Poeta e conversador incansable, estivo marcado pola melancolía, tenrura e señardade, amor á natureza e fino intimismo, pero foi tamén persoa con explícito compromiso ético e poético. A súa formación relixiosa creou nel unha especie de apostolado laico, de denuncia social e de expresión emotiva, case panteísta, da unión das xentes coa paisaxes e coa terra, que se aprecian xa na primeira redacción da Terra Chá e que mantivo nos seus anos de máis intensa creación poética.

Na súa cidade adoptiva de Monforte de Lemos desempeñou o oficio de procurador pero tamén unha militancia activa no novo nacionalismo. Naquela cidade foi tamén un referente cultural para as novas xeracións, que comezaron a militar nunha nova xeira de regaleguización e modernización da cultura galega. Foi na época da transición democrática cando, fiel ao seu compromiso activo co nacionalismo galego e á resistencia cultural que caracterizou a súa traxectoria, a súa poesía acadou unha expresión máis social e combativa.

O poeta foi un autor moi popular, con versos recitados anonimamente e cantados por grupos musicais como Milladoiro. Amou e coñeceu Galicia, como amosan os seus artigos de xornal «Andando a Terra». Académico da RAG en 2003, morreu poucos meses despois e deixou tras de si unha extensa obra que é espello da condición e da experiencia humana.

Ver los comentarios