Alberto Núñez Feijóo - Día das Letras Galegas

A lingua que namora

A lingua é unha ponte máis entre nós, unha ponte fermosa que quixo cruzar María Victoria Moreno levando consigo unha mensaxe cordial que perdura e nos compromete

Entrega do Premio Barco de Vapor a María Victoria Moreno por «Leonardo e os fontaneiros» ARQUIVO FAMILIAR DE MARÍA VICTORIA MORENO

Non é frecuente nestes tempos que unha lingua apareza asociada coa palabra amor. Os idiomas adoitan conxugarse con utilidade, reivindicación ou termos análogos, quedando o aspecto sentimental relegado ou simplemente esquecido. No caso do galego esta anomalía non resulta estraña. Un repaso ás escritoras e escritores homenaxeados no Día das Letras Galegas revela que a querenza pola fala ocupa un lugar preferente entre os motivos que levan a expresarse literariamente en galego . Ocorre tanto nos creadores que o teñen como lingua nai como naqueles outros en que é unha lingua aprendida ou recuperada.

No caso de María Victoria Moreno, ese amor é tan forte que fai que unha nena nacida e criada en Estremadura e logo estudante en Barcelona e Madrid se namore dun idioma que naquel momento sufría todo tipo de incomprensións oficiais e vivía afastado dos grandes circuítos culturais. Ese idioma acóllea e ela corresponde cunha obra literaria e docente que deixa unha fonda pegada nos seus lectores e escolantes. Nin sequera a morte puido separar ese matrimonio entre María Victoria e o galego, como demostra a súa elección para protagonizar este 17 de maio e o entusiasmo con que o IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra, onde ela exerceu o maxisterio, celebra a súa memoria.

O amor foi a causa de que María Victoria decidise vivir no galego e tamén a gran directriz da súa obra . Ninguén mellor que ela para desmentir a idea de que a letra «con sangue entra». As letras que escribe ou ensina persuaden, suxiren, animan, porque o respecto que sente por nenos e mozos desbota calquera adoutrinamento. A nosa escritora abre para eles camiños por percorrer en liberdade e convivindo con opinións distintas. A Galicia libre e tolerante de hoxe débelle moito a mestres como María Victoria Moreno, que souberon entender a educación nun sentido amplo no que tamén se aprende a convivir cos outros.

Este Día das Letras axúdanos a entender que para a plena recuperación dunha lingua como a nosa son necesarias regulacións legais, disposicións educativas e normativas administrativas que promovan e protexan a fala, pero tamén que todas esas ferramentas deben complementarse coa empatía e a cordialidade para chegar ao ánimo dos falantes e instalarse neles dunha maneira efectiva e duradeira .

María Victoria Moreno definiu a súa relación co galego como unha historia de amor. Esa historia de amor, repetida polas galegas e galegos de hoxe e de mañá, será a mellor garantía de que se cumpran as mil primaveras de Álvaro Cunqueiro. Consonte ese ideario, a Xunta de Galicia está a elaborar un Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que anime os máis novos a usar libremente o idioma que nos singulariza.

Ao redor dos mesmos valores que encarna a protagonista do Día das Letras Galegas, Galicia construíu un modelo de convivencia lingüística que parte do principio de que nin as falas nin os seus falantes son adversarios . Un modelo que se inspira na vivencia e na convivencia cotiá da xente e respecta por riba de todo a súa liberdade. A nosa fala esmoreceu sen liberdade e rexorde con ela. Correu perigo nun país privado de Autonomía e recupera a esperanza coa Constitución, o Estatuto e as leis do noso autogoberno.

A fala que tanto amaba María Victoria Moreno é unha fala inclusiva. Convida os alleos e os propios que aínda non a falan. Pertence a todos.

Nun dos seus libros a escritora afirma que «as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos». En Galicia abundan esas persoas e entre os seus proxectos sempre actualizados está a plena recuperación da fala coa que nos relacionamos co mundo. A lingua é unha ponte máis entre nós, unha ponte fermosa que quixo cruzar María Victoria Moreno levando consigo unha mensaxe cordial que perdura e nos compromete .

Comentarios
0
Comparte esta noticia por correo electrónico

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Reporta un error en esta noticia

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Muchas gracias por tu participación