Día das Letras Galegas 2018

A galega que naceu en Cáceres

Apaixonada docente, María Victoria Moreno transmitiu un xeito de querer a fala: «A situación do galego non se pode ver con indiferenza», defendeu

A autora posa na mesa onde escribía, arredor do ano 2000 ARQUIVO FAMILIAR DE MARÍA VICTORIA MORENO

ROCÍO LIZCANO

«Na dictadura franquista non se ensinaba lingua galega nin moito menos en galego, mais María Victoria dedicaba parte das clases de literatura española dos venres a ensinar literatura galega e a que as alumnas practicasen a escrita de textos en galego ». As académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey ilustran con esta pasaxe da vida da homenaxeada nas Letras 2018 o compromiso co galego desta profesora galega que, cousas da vida, naceu en Cáceres.

Eran os tempos de María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1939 - Pontevedra, 2005) no Instituto Feminino de Pontevedra, hoxe IES Valle Inclán, logo do seu paso polo Instituto Masculino de Lugo onde trabou a fonda amizade que até a fin dos seus días a uniría a Xesús Alonso Montero . Del herdou a profesora «a actitude ante a lingua, a ética e o compromiso cos seus falantes», segundo ela mesma escribiu no artigo titulado «O mestre das palabras», que dedicou ao expresidente da Real Academia Galega (RAG). O seu compromiso co galego foi unha constante e a súa achega ao coñecemento e expansión da lingua atopou camiño tamén como profesora voluntaria nos cursos para mestres e persoas que non tiveran posibilidade de estudar galego que organizaba a asociación Amigos de Pontevedra, unha colaboración que en 1974 lle valeu a retirada do pasaporte.

María Victoria Moreno abrazou o galego por pura convicción —«penso que a situación do galego non se pode ver con indiferenza; se estou coa xente que amasa o meu pan e mais colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala », sostivo—. Chegara a Galicia con vintepoucos anos en 1963 tras finalizar os estudos de Filosofía e Letras (sección de Filoloxía Románica) na Universidade Complutense de Madrid e casar con José Luis Llácer. O contrato do seu home, invidente, no Colexio da ONCE en Pontevedra foi a causa do feliz encontro de María Victoria Moreno con Galicia, a terra coa que, trala súa infancia en Estremadura e os anos como estudante en Barcelona e Madrid, acabaría por identificarse.

María Victoria Moreno escribiu poesía —«Eu conto, ti cantas», o último libro que viu publicado en vida—, estudos literarios e lingüísticos —«As linguas de España», por exemplo, editado pola Xunta de Galicia en 1991—, ensaios —como o descarnado «Diario da luz e a sombra», no que a autora, xa contra o reloxo, como ela mesma lamentou, reflexiona sobre as súa experiencia co cancro— e, fundamentalmente, literatura infantil e xuvenil, cunha decena de títulos nos que deixou importantes leccións de vida a varias xeración de nenos e mozos. Aí, a inspiradora mensaxe de «as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos» que o protagonista de «Anagnórise» , Nicolau —e canda el milleiros de alumnos de instituto que o seguiron a través das follas impresas— recibe no transcorrer da súa viaxe cara a madurez no coche de Xulia Andrade. A novela, publicada no 88, foi recoñecida en 1990 na Lista de Honra do Consello Internacional de Libros para a Mocidade. Tamén «Leonardo e os fontaneiros» (1986), un dos títulos nos que a autora deixa constancia do seu amor polos animais e a obra que, andado o tempo, e falecido José Luis Llácer, daría pé ao encontro da autora co seu segundo marido, o mariño cubano Pedro Ferriol.

María Victoria Moreno foi por tanto autora, tamén editora (publicou a antoloxía bilingüe «Os novísimos da poesía galega» e dirixiu durante dez anos a colección Árbore de literatura infantil de Galaxia), e empresaria (cos socios da libraría Xuntaza de Pontevedra, onde se venderían libros de Castelao ou Miguel Hernández vetados pola censura e editados fóra de España). Foi tamén ilustradora e tradutora, pero a súa paixón, sen dúbida, foi a docencia, da que unicamente se separou, cando o cancro fixo inviable a súa continuidade . «Na aula estou de marabilla e a pesar de que levo cinco anos enferma só faltei ás clases os días de chute, pero non quero que os meus alumnos paguen a miña vellez e enfermidade», dixo durante a súa última etapa no IES Torrente Ballester de Pontevedra. A súa visión do ensino e o seu respecto polos alumnos —os seus cachorros— quedou reflectido tamén na súa prosa, na publicación «Mar adiante»; a historia dunha mestra que pon escola nun barco, o Arroás, todo un manifesto en favor dun outro xeito de facer escola.

Comentarios
0
Comparte esta noticia por correo electrónico

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Reporta un error en esta noticia

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Muchas gracias por tu participación