A autora posa na mesa onde escribía, arredor do ano 2000
A autora posa na mesa onde escribía, arredor do ano 2000 - ARQUIVO FAMILIAR DE MARÍA VICTORIA MORENO
Día das Letras Galegas 2018

A galega que naceu en Cáceres

Apaixonada docente, María Victoria Moreno transmitiu un xeito de querer a fala: «A situación do galego non se pode ver con indiferenza», defendeu

SantiagoActualizado:

«Na dictadura franquista non se ensinaba lingua galega nin moito menos en galego, mais María Victoria dedicaba parte das clases de literatura española dos venres a ensinar literatura galega e a que as alumnas practicasen a escrita de textos en galego». As académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey ilustran con esta pasaxe da vida da homenaxeada nas Letras 2018 o compromiso co galego desta profesora galega que, cousas da vida, naceu en Cáceres.

Eran os tempos de María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1939 - Pontevedra, 2005) no Instituto Feminino de Pontevedra, hoxe IES Valle Inclán, logo do seu paso polo Instituto Masculino de Lugo onde trabou a fonda amizade que até a fin dos seus días a uniría a Xesús Alonso Montero. Del herdou a profesora «a actitude ante a lingua, a ética e o compromiso cos seus falantes», segundo ela mesma escribiu no artigo titulado «O mestre das palabras», que dedicou ao expresidente da Real Academia Galega (RAG). O seu compromiso co galego foi unha constante e a súa achega ao coñecemento e expansión da lingua atopou camiño tamén como profesora voluntaria nos cursos para mestres e persoas que non tiveran posibilidade de estudar galego que organizaba a asociación Amigos de Pontevedra, unha colaboración que en 1974 lle valeu a retirada do pasaporte.

María Victoria Moreno abrazou o galego por pura convicción —«penso que a situación do galego non se pode ver con indiferenza; se estou coa xente que amasa o meu pan e mais colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala», sostivo—. Chegara a Galicia con vintepoucos anos en 1963 tras finalizar os estudos de Filosofía e Letras (sección de Filoloxía Románica) na Universidade Complutense de Madrid e casar con José Luis Llácer. O contrato do seu home, invidente, no Colexio da ONCE en Pontevedra foi a causa do feliz encontro de María Victoria Moreno con Galicia, a terra coa que, trala súa infancia en Estremadura e os anos como estudante en Barcelona e Madrid, acabaría por identificarse.

María Victoria Moreno escribiu poesía —«Eu conto, ti cantas», o último libro que viu publicado en vida—, estudos literarios e lingüísticos —«As linguas de España», por exemplo, editado pola Xunta de Galicia en 1991—, ensaios —como o descarnado «Diario da luz e a sombra», no que a autora, xa contra o reloxo, como ela mesma lamentou, reflexiona sobre as súa experiencia co cancro— e, fundamentalmente, literatura infantil e xuvenil, cunha decena de títulos nos que deixou importantes leccións de vida a varias xeración de nenos e mozos. Aí, a inspiradora mensaxe de «as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos» que o protagonista de «Anagnórise», Nicolau —e canda el milleiros de alumnos de instituto que o seguiron a través das follas impresas— recibe no transcorrer da súa viaxe cara a madurez no coche de Xulia Andrade. A novela, publicada no 88, foi recoñecida en 1990 na Lista de Honra do Consello Internacional de Libros para a Mocidade. Tamén «Leonardo e os fontaneiros» (1986), un dos títulos nos que a autora deixa constancia do seu amor polos animais e a obra que, andado o tempo, e falecido José Luis Llácer, daría pé ao encontro da autora co seu segundo marido, o mariño cubano Pedro Ferriol.

María Victoria Moreno foi por tanto autora, tamén editora (publicou a antoloxía bilingüe «Os novísimos da poesía galega» e dirixiu durante dez anos a colección Árbore de literatura infantil de Galaxia), e empresaria (cos socios da libraría Xuntaza de Pontevedra, onde se venderían libros de Castelao ou Miguel Hernández vetados pola censura e editados fóra de España). Foi tamén ilustradora e tradutora, pero a súa paixón, sen dúbida, foi a docencia, da que unicamente se separou, cando o cancro fixo inviable a súa continuidade. «Na aula estou de marabilla e a pesar de que levo cinco anos enferma só faltei ás clases os días de chute, pero non quero que os meus alumnos paguen a miña vellez e enfermidade», dixo durante a súa última etapa no IES Torrente Ballester de Pontevedra. A súa visión do ensino e o seu respecto polos alumnos —os seus cachorros— quedou reflectido tamén na súa prosa, na publicación «Mar adiante»; a historia dunha mestra que pon escola nun barco, o Arroás, todo un manifesto en favor dun outro xeito de facer escola.